miércoles, 30 de mayo de 2018

DOSSIER KONAMPALLI SCHOOL 2018







   Xa temos na biblioteca escolar, e á disposición de toda a comunidade educativa, o dossier enviado pola Konampalli School, unha escola da India coa que mantemos un intercambio a través da Fundación Vicente Ferrer. Lancy Dodem, primeiro neno apadriñado pola FVF, visitou o noso cole o pasado luns 21 de maio de 2018 e fixo a entrega oficial deste caderno. Varios nenos e nenas que asistían á charla de Lancy ofrecéronse voluntarios para ler a carta que os nosos compañeiros da India nos envían, onde explican con todo detalle a situación que están a vivir na India rural. Falan do éxodo masivo das aldeas ás cidades, da seca, dos problemas nas colleitas e a falta a alimento e auga potable, das carencias na sanidade, das diferencias entre as castas, da desigualdade da muller na súa cultura, etc. Mais explican todos os grandes cambios e avances que a Fundación está a facer na súa comunidade. Animámosvos a que lle botedes unha ollada a este fantástico documento gráfico e descritivo, xa que é unha riqueza aprender das diferentes culturas do mundo para respectalas e valoralas.

 

martes, 29 de mayo de 2018

SOMOS DIFERENTES, NON INDIFERENTES

En novembro de 2017 firmamos un compromiso de irmandamento entre grupos solidarios da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas co colexio Apóstol Santiago de Vigo. A través dese documento asinamos un compromiso para realizar unha actividade conxunta, presencial ou virtualmente. Decidimos facer un traballo centrado no tema do acoso escolar e debido á distancia xeográfica entre os dous centros optamos por crear unha plataforma dixital para levar a cabo o proxecto. Así naceu o blogue "Irmandade Antibullying" (http://irmandadeantibullying.blogspot.com/), un espazo para difundir diferentes materiais e recursos sobre este tema tan importante que debemos entre todos erradicar. O pasado sábado 26 de maio, durante o Encontro Final da Rede Solidaria Entreculturas que tivo lugar no colexio Jesús Maestro de Ferrol, repartimos aos nosos compañeiros do Apóstol Santiago de Vigo unhas chapas co lema "Somos diferentes, non indiferentes", e así selar o noso irmandamento. 


 

CARTAS DE AMOR: 15 ARTISTAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

     Temos de novo no noso centro a exposición "Cartas de Amor: 15 artistas contra a violencia de xénero", unha iniciativa da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Artistas como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luís Méndez, Jack Mircala, Javier Olivares, David Pintor, Pirusca, Primitivo, Sonia Pulido, Paco Roca, Sergi San Julián, Eva Vázquez, Óscar Villán e Anxos Sumai, amosan os seus debuxos en formato "comic" ou "banda deseñada". 
     Esta exposición ten por obxectivo sensibilizar á poboación máis nova, facer reflexionar ás e aos adolescentes sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e, polo tanto, tamén a eliminala.
Esta exposición ten por obxectivo sensibilizar á poboación máis nova, facer reflexionar ás e aos adolescentes sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e, polo tanto, tamén a eliminala.

 

sábado, 26 de mayo de 2018

ENCONTRO DE FIN DE CURSO DE ENTRECULTURAS







O curso vai rematando, e o pasado sábado 26 de maio  de 2018 os rapaces/zas e profesores/as da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas xuntáronse en Ferrol para celebrar “Un mundo de Encontros” (encontro final de fin de curso). A choiva non foi quen de boicotear a festa pirata organizada no Castelo de San Felipe que se levou a cabo durante a sesión de mañá. Viaxamos en barco pola ría ata chegar a o escenario da acción:  piratas, bucaneiros, busca do tesouro, xogos e dinámicas, nunha sesión lúdica que nos fixo reflexionar sobre a construción dun mundo mellor.
Xa pola tarde todos os participantes reunímonos no centro anfitrión Jesús Maestro para facer un repaso polas axendas solidarias. Houbo momentos más emotivos e sentimentais como a despedida-homenaxe ao alumnado que este ano deixa a Rede, así como as accións de irmandamentos entre centros. Agradecemos a Sandra Rodríguez (técnica de Entreculturas) e a Ana Martín (profesora do colexio Jesús Maestro) por todo o seu esforzo e traballo.





                   

viernes, 25 de mayo de 2018

HOMENAXE DE DESPEDIDA A ÁLVARO E MARISA


No camiño da vida hai un lugar e un tempo para cada cousa, e polo propio desenvolvemento desta hai ciclos que se pechan, camiños que conclúen e outros que se inician. E hoxe de xeito moi especial queremos deternos nunha parte da nosa historia para agradecer e honrar o paso de Álvaro e Marisa que se despiden, deste o noso cole porque lles chegou a hora da xubilación.
E que é a xubilación? Pois a palabra xubilación ven de xúbilo, alegría, gozo que se experimenta cando fixemos  con dedicación e empeño unha acción, a de traballar con letras maiúsculas. Todos desexamos que este descanso conquistado se converta nunha nova etapa de paz e de maior liberdade para dedicarvos á construción dun novo proxecto persoal.

Non é fácil despedirse de dúas persoas como Álvaro e Marisa, pero é unha enorme satisfacción ter sido parte desta a súa historia. Sabemos que este non é un adeus, senón un ata logo e entusiásmanos saber  que sempre contaremos con vós. Por iso dicímoslles ata pronto. O cafeíño sempre estará listo, presto a recibirvos xunto a todos os que formamos a comunidade educativa do CPI Virxe da Cela, o voso cole.


VÍDEO DESPEDIDA
                 

O alumnado de música de 3º e 4º da ESO agasallou a Älvaro e Marisa con esta interpretación da canción "O son do ar" de Luar na Lubre.

                 























miércoles, 23 de mayo de 2018

CARTAS PARA PAVANI

Aproveitando a visita de Lancy Dodem ao noso centro, o alumnado da ESO entregoulle ao primeiro neno apadriñado pola Fundación Vicente Ferrer (hoxe xa un adulto) un libriño con cartas dirixidas á nosa nena apadriñada Pavani. Estas cartas foron redactadas en inglés por rapaces e rapazas de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, e nelas explican os seus intereses, gustos, soños, etc. Espero que a nosa amiga Pavani poda aprender algo da nosa cultura e tradicións.

 

martes, 22 de mayo de 2018

CARTA DE PAVANI




Queridos padriños/as: Namaste! Envíovos un forte saúdo a través desta carta. Estudo 9º curso. Xa fixen os exames semestrais e espero sacar boas notas. As miñas asignaturas favoritas son o inglés, matemáticas e telegu. O 14 de novembro celebramos o "Día dos Nenos". Ese día organizo un programa de cultura e ganei o primeiro premio. Tamén os meus amigos mais eu fixemos unha obra de teatro titulada "As vodas precoces". Por iso os meus maestros felicitáronnos moito. Os meus irmáns están ben. Os meus pais traballan no campo. Envíovos moitos bicos e abrazos. Pavani.




VISITA DE LANCY DODEM, FUNDACIÓN VICENTE FERRER

Un ano máis o noso colexio recibe a visita de Lancy Dodem, o primeiro neno apadriñado pola Fundación Vicente Ferrer e que grazas ao apoio desta Fundación hoxe en día traballa como embaixador da FVF transmitindo aos rapaces e rapazas dos centros educativos a grande labor que se está facendo na rexión de Anantapur (A India). Acompañado por Yolanda Ferrer, fotógrafa coruñesa que dirixe a delegación da FVF na Coruña, pasearon polas instalacións da nosa escola, acompañáronnos nun xantar moi ameno no comedor escolar e posteriormente, en sesión de tarde, Lancy impartiu unha charla ao alumnado de educación primaria. Foi unha charla breve, seguida da proxección dun fermoso e esperanzador documental que relata a vida dunha nena na India, todo o cal provocou no noso alumnado unha grande curiosidade e abriuse un debate aberto e dinámico no que os nosos pequenos e pequenas levantaban constantemente as mans para lanzar interesantes preguntas. Lancy respondeu a cada unha delas tratando de explicar a cultura e as tradicións do seu país. Cando nos demos de conta... xa estaba a tocar o timbre!! Lancy, ata o vindeiro ano, quedámonos con ganas de seguir aprendendo sobre ese país tan curioso e atractivo!!



















martes, 15 de mayo de 2018

VIRXE DA CELA PARA KONAMPALLI SCHOOL



Os rapaces e rapazas da ESO do CPI Virxe da Cela saludan aos nenos e nenas da Konampalli School (A India). Levamos xa case unha década facendo un intercambio cultural e de tradicións con esta escola da India a través da Fundación Vicente Ferrer.

viernes, 4 de mayo de 2018

MARCHA POLA EDUCACIÓN EN SANTIAGO DE COMPOSTELA










    Tal como enfatiza o lema da Campaña Mundial pola Educación 2018, “A educación é o camiño cara a paz”. Despois do intenso traballo realizado nas aulas durante este curso académico chegou ao hora de visibilizar as nosas aprendizaxes a través dunha acción de incidencia política que tivo lugar o pasado xoves día 3 de maio de 2018 en Santiago de Compostela. Tras un acto oficial no auditorio ABANCA no que os alumnos e alumnas dos centros galegos participantes na CME amosaron o seu traballo, a mocidade lanzouse as rúas portando pancartas e cantando as súas consignas en dirección á praza da Quintana, onde foron recibidos por varios políticos: o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, Don José Manuel Pinal; a Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior, Dona Pilar Romero; a Concelleira santiaguesa de Políticas Sociais, Diversidade e Cooperación, Dona Concepción Fernández e o Concelleiro santiagués de Educación, Cidadanía e Dereitos Humanos, Don Manuel Dios. 

    Ainhoa (3º da ESO) e Diego (4º ESO) foron os encargados de ler o Manifesto da Campaña Mundial pola Educación 2018 e posteriormente Sergio Torrado (4º ESO) formulou unha petición aos políticos solicitando o seu compromiso coa escola rural: Nós somos rapaces e rapazas de Monfero, unha pequena aldea do interior da provincia da Coruña. Estamos moi contentos de poder estar aquí representando a todos os mozos e mozas do rural. Sentímonos orgullosos da nosa escola, da nosa aldea, da nosa forma de vida e das nosas costumes. Queremos que os nosos fillos e fillas estuden no CPI Virxe da Cela, igual que o facemos nós e o fixeron os nosos país e nais. Pero sabemos que si os políticos non se toman moi en serio unha intervención no rural para conservalo y adaptalo aos novos tempos, a nosa escola acabará sendo un edificio abandonado, e cando veñamos da cidade a visitar aos nosos maiores, estará baleira igual que as casas e os campos… 

    Esperamos que as nosas palabras reivindicando unha educación universal, de calidade e inclusiva deixaran a súa pegada nas conciencias dos nosos políticos e que no futuro presenciemos avances e cambios, que os nosos esforzos teñan a súa recompensa.