sábado, 12 de abril de 2014

VI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2014

     Ante todo foi unha xornada festiva, na que o CPI Virxe da Cela, engalanado e decorado para a ocasión, acolleu a toda a comunidade educativa cun fin común e solidario: contribuír, cun pequeno xesto pero grande impacto, a facilitar a vida das persoas teñen unha enorme dificultade por acadar un dos dereitos básicos do ser humano: o dereito á alimentación. Con este xa van seis edicións do Rastro Solidario, que ano tras ano celebramos o último venres de clase antes das tan esperadas vacacións de Semana Santa. 
     Cada ano enviamos os cartos recadados a diversas ONGs que teñen proxectos vinculados coa educación (Save the Children, Entreculturas, Fundación Vicente Ferrer e Cruz Vermella). Este ano quixemos experimentar neste “mercadillo” unha práctica ancestral que non implica a utilización de diñeiro. Estamos a falar do “troco”, que nos permitiu mercar obxectos a cambio de alimentos non perecedeiros que proximamente levaremos á Cociña Económica de Ferrol, entidade coa que colaboramos desde fai varios anos. 
      Outra das novidades desta VI edición foi a participación activa das familias. A AMPA do CPI Virxe da Cela esmerouse en publicitar esta actividade entre toda a comunidade educativa, utilizando non so circulares informativas ás familias, senón tamén facendo uso do “boca a boca”. Esta coidadosa organización fíxose visible na realización da actividade, sendo un grupo de nais as encargadas de recoller os alimentos, entregar tickets de compra e atender o mercadillo, facendo diversas quendas. Asimesmo contamos con diferentes obxectos de artesanía elaborados por varias nais/pais do alumnado de infantil e primaria, que lograron enorme éxito e vendéronse rápidamente, e máis que houbese… 
      Contamos coa visita de María José e Bea, técnico e voluntaria da Fundación Ayuda en Acción, que nos acompañaron durante parte do desenvolvemento da actividade, documentando o proceso e incluso puideron presenciar en vivo e en directo a gravación dun programa radiofónico centrado exclusivamente nesta “VI edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2014”. As nosas cociñeiras fixeron un kit-kat nos fogóns da cociña para darse unha volta polo evento e realizar, como non, as súas compras. 
      Queremos agradecer a moitas persoas o seu esforzo e apoio, facendo posible a realización e o éxito desta actividade: empezando pola dirección do centro, que amosa unha total disposición cara todas e cada unha das propostas de Monferosolidario; profesorado, alumnado e familias, que inverteron moitas horas do seu tempo para unha perfecta posta a punto e efectuaron numerosos “trocos” que sumaron nunha pila de caixas de alimentos e un total de 147’40 euros en donativos, e que serán moi ben recibidos pola Cociña Económica de Ferrol. Non nos esquecemos de todas as persoas que doaron obxectos, algunhas das cales non forman parte directa da comunidade educativa aínda que son fans número un de Monferosolidario (María José de Ares e Yolanda Ferrer). E que mellor que celebrar o éxito desta actividade e todo o traballo invertido cunhas ben merecidas vacacións…

















No hay comentarios:

Publicar un comentario