lunes, 28 de abril de 2014

COCIÑA ECONÓMICA FERROL


Como podedes ver na imaxe, un grupiño de alumnos/as da ESO e a profe Teresa Losada, sempre tan dinámica á hora de mobilizar ao persoaal e toda unha experta en organizar e remover mobiliario, posan para esta fotografía rodeados dunha morea de caixas repletas de alimentos. É o resultado da campaña Operación Quilo 2014 realizada o pasado venres 11 de abril de 2014 en estreita colaboración co VI Rastro Solidario, realizándose nesta ocasión a compra dos obxectos do rastro a través dun auténtico “troco” con alimentos non perecedeiros. Este ano a falta de tempo impídenos organizar unha visita co alumnado á Cociña Económica de Ferro, tal como se fixo en anos anteriores. Aínda así, as coordinadoras de Monferosolidario ofrecímonos voluntariamente o pasado luns 28 de abril a cargar ata os topes os nosos vehículos particulares e levalos persoalmente ás instalacións da Cociña Económica de Ferrol, situadas na Rúa Rubalcava. Aproveitamos esta viaxe á capital ferrolá para reunirnos con Sandra Couso (técnico de Entreculturas) e con Ana Martín (profesora do colexio Jesús Maestro de Ferrol) para ir planificando o “Encontro de Fin de Curso da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas”, que nesta ocasión terá como escenario o Castelo de San Felipe e consistirá nunha peculiar “festa pirata”. Rematamos esta peculiar xornada de luns saboreando un exquisito chocolate con churros … para chuparse os dedos!!

XOGO DA OCA

    Existen moitos xeitos de aprender, unha delas é xogando, e mellor en equipo que en solitario. Iso o saben moi ben os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria do CPI Virxe da Cela, que o pasado luns 28 de abril foron experimentando probas e retos nas diferentes “estacións” dun peculiar Xogo da Oca, elaborado especialmente para conmemorar a SAME 2014 (Semana de Acción Mundial pola Educación). Contamos coa axuda de Entreculturas e Ayuda en Acción, dúas ONGs coas que temos unha traxectoria en común e moitas actividades conxuntas. Agradounos ver a Sandra Couso (técnico de Entreculturas), e entre os voluntarios/as participantes tivemos a grata visita de Luz Mery, exalumna do noso centro e vinculada dende entón á Rede Solidaria da Mocidade, agora na “categoría” de +18. Abel animou o xogo coas súas ben coñecidas dotes de presentador, e contou coa axuda de dúas fantásticas “azafatas”… lebrades os seus peculiares nomes?? Unha pista… teñen un lonxano resabio do mundo grego. 

    O mais importante de todos é que deixamos a un lado o tema da “competición” e centrámonos en lograr o éxito de cada unha das probas traballando en equipo, e sacamos a valiosa conclusión de que todos somos diferentes, e por tanto temos diferentes capacidades, e que en vez de restar, cando estamos traballando man a man cos nosos compañeiros/as, de todas esas diferenzas nace a riqueza e a diversidade no seu sentido máis positivo.









PRESENTACIÓN MEMORIA ACTIVIDADES CRUZ VERMELLA 2013

    “A Asamblea Comarcal da Cruz Vermella Española en Betanzos, en agradecemento ao CPI Virxe da Cela de Monfero a súa iniciativa solidaria, colaborando nas campañas solidarias realizadas durante o ano 2013, en Betanzos a 25 de abril de 2014”. 

    Este é o texto que ilustra o diploma que foinos entregado no acto da presentación da Memoria Anual 2013 da Cruz Vermella de Betanzos, que tivo lugar o pasado venres 25 de abril na Sala Xulio Cuns (Edificio do Liceo, Betanzos), e que estaba relacionado coa actividade que desenvolvimos no pasado curso académico 2012-2013 na nosa escola: o V Rastro Solidario. Naquela ocasión, os 742 cartos recadados foron ingresados na conta bancaria da Cruz Vermella, que estaba a facer unha fantástica e admirable labor para loitar coa pobreza e a exclusión social na nosa contorna máis próxima. Para reforzar esta actividade e sensibilizar ao noso alumnado, contamos tamén cun obradoiro impartido polos técnicos/as e voluntarios/as desta organización (venres 22 marzo 2013). Tal como mostra esta fotografía, as coordinadoras de Monferosolidario subiron ao escenario a recibir este galardón de mans do Alcalde de Betanzos, e xa o temos enmarcado e exposto na entrada do edificio de secundaria.



                       



viernes, 25 de abril de 2014

CARTA PAVANI ABRIL 2014




No mes de abril de 2014 recibimos un sobre da Fundación Vicente Ferrer, na que aparece manuscrita cunha fermosa grafía unha nova carta da nosa amiga Pavani, esa rapaza india que o alumnado do CPI Virxe da Cela ten apadriñada a través da FVF. Grazas a esta iniciativa que tiveron fai tres anos os rapaces e rapazas de 4º da ESO, a nosa amiga Pavani pode asistir á escola. Os seus avances son evidentes, tan como narra na súa carta. Ademais, o feito de que ela mesma, co seu puño e letra, fose quen de redactala, significa que todos xuntos apoiamos o dereito á educación e loitamos contra a lacra do analfabetismo, aínda tan presente en moitos países do mundo. Deixámosvos pois coas novas de Pavani, que os voluntarios da FVF traduciron ao castelán: 

 ¡Namaté! Me encuentro bien de salud, espero que vosotros también lo estéis. Estudio 5º curso. He hecho los exámenes semestrales muy bien, saqué buenas notas. Así que estoy muy contenta de decíroslo. En mi pueblo, la escuela de la Fundación organizó un concurso de preguntas y respuestas. Participé en la asignatura de Telegu. En mi escuela, el 26 de enero celebramos el “Día de la República”. Ese día nos organizan deportes. Participé en la carrera y gané un premio, por eso estoy muy contenta. En mi pueblo no ha llovido mucho. Así que no recogimos la cosecha de cacahuetes. Muchas gracias por todo vuestro apoyo. Pavani.



martes, 22 de abril de 2014

ELABORANDO XABÓNS SOLIDARIOS NO CPI VIRXE DA CELA



Esta iniciativa realízase por segundo ano consecutivo no CPI Virxe da Cela, dirixida por Mª José Fandiño, a profe de CCNN, que convirte o laboratorio nun espazo para a investigación e anima aos alumnos da ESO a vestir de bata branca e facer experimentos que terán un produto final. Neste caso a fabricación de xabóns "solidarios". Este sobrenome de "solidarios" ten que ver coa súa finalidade: foron vendidos na conmemoración de San Valentín (febreiro 2014) e no VI Rastro Solidario (abril 2014), e os cartos recadados serán destinados para unha causa solidaria. 
Foi un proceso interesante, lúdico, que queremos compartir convosco a través deste vídeo. Temos a obriga de resaltar o potencial xornalístico de Adrián (3º ESO), que ten un dominio total e absoluto do micrófono, e retrasmitiu en vivo e directo todo o proceso, facendo comentarios, traducións simultánea, cuñas publicitarias, etc...

                                 

OBRADOIRO DE COOPERATIVISMO NO ENSINO

Por terceiro ano consecutivo o alumnado de primaria participará no Certame de Cooperativismo no Ensino. A verdade é que o noso centro está moi motivado con esta iniciativa, que nos premiu nunha das anteriores edicións. Participar neste certame inclue a posibilidade de recibir un obradoiro sobre cooperativismo, que nesta ocasión se celebrou na biblioteca escolar o pasado martes 22 de abril de 2014, unha fantástica ocasión para practicar diferentes dinámicas e xogos, porque podemos aprender e traballar dunha maneira lúdica e divertida. Aínda se ben é certo que os rapaces e rapazas de 5º e 6º da ESO xa están habituados con esta metodoloxía, que utilizan constantemente nas aulas para a súa aprendizaxe.











lunes, 21 de abril de 2014

MINIDOCUMENTAL SOBRE O ODM 1: ERRADICAR A POBREZA EXTREMA E A FAME

Este é o segundo dos minidocumentais que os alumnos e alumnas da ESO están a realizar sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Un  traballo que supón unha longa planificación: busca de información, planificación do guión, creación dos debuxos e avatares, gravación das voces, montaxe do vídeo. Aquí vos deixamos o produto final. Seguide atentos porque en breve colgaremos o terceiro dos nosos documentais.
Este traballo enmárcase nas actividades que estamos a desenvolver dentro dos Plans Proxecta 2013-2014 que estamos a realizar no noso centro.



                        

sábado, 12 de abril de 2014

EMISIÓN RADIOFÓNICA VI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2014

      A celebración do VI Rastro Solidario e Operación Quilo 2014 supón un día moi especial para o CPI Virxe da Cela. O venres 11 de abril de 2014 o noso centro realizou unha xornada de portas abertas, e ademais dos nenos e nenas, profesores e profesoras, os corredores recibiron a visita de familias, que se achegaron á nosa escola para participar activamente nesta actividade. Coincidindo coa realización do obradoiro de radio “Laboratorio Radiofónico”, que se vén desenvolvendo todos os venres no noso centro desde o pasado mes de febreiro e dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria e 4º da ESO, tivemos a idea de realizar unha gravación especial dedicada á VI Edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2014. 

     Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria entrevistaron a Belén e Yoli, dúas das nais que viviron de cerca esta experiencia: dedicaron parte do seu tempo axudando aos máis pequenos a elixir os obxectos e realizar o troco de alimentos, axenciáronse a cámara de fotos para documentar a actividade, e incluso unha delas aportou gran cantidade de bisutería realizada artesanalmente utilizando as cápsulas de nespresso e que tivo grande éxito de vendas… Aproveitando a visita de Mª José e Bea, da Fundación Ayuda en Acción, fixémoslles tamén unha entrevista para ver o seu punto de vista. Ambas agasallaron ao noso centro cun montón de críticas positivas, e sabemos que o convenio de colaboración coa Fundación Ayuda en Acción que firmamos o pasado mes de decembro de 2013 vai dar moitos froitos. Tamén entrevistamos a Verónica, unha das profes coordinadoras de Monferosolidario, que resaltou a importancia desta actividade para sensibilizar a toda a comunidade educativa, e contamos tamén cos comentarios de varios alumnos e alumnas, que amosan grande entusiasmo e satisfacción ao sentirse partícipes dunha acción que vai axudar ás persoas máis necesitadas.





http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/alumnos-cpi-virxe-da-cela-monfero-realizan-programa-radio-solidario/20140421002227082721.html











VI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2014

     Ante todo foi unha xornada festiva, na que o CPI Virxe da Cela, engalanado e decorado para a ocasión, acolleu a toda a comunidade educativa cun fin común e solidario: contribuír, cun pequeno xesto pero grande impacto, a facilitar a vida das persoas teñen unha enorme dificultade por acadar un dos dereitos básicos do ser humano: o dereito á alimentación. Con este xa van seis edicións do Rastro Solidario, que ano tras ano celebramos o último venres de clase antes das tan esperadas vacacións de Semana Santa. 
     Cada ano enviamos os cartos recadados a diversas ONGs que teñen proxectos vinculados coa educación (Save the Children, Entreculturas, Fundación Vicente Ferrer e Cruz Vermella). Este ano quixemos experimentar neste “mercadillo” unha práctica ancestral que non implica a utilización de diñeiro. Estamos a falar do “troco”, que nos permitiu mercar obxectos a cambio de alimentos non perecedeiros que proximamente levaremos á Cociña Económica de Ferrol, entidade coa que colaboramos desde fai varios anos. 
      Outra das novidades desta VI edición foi a participación activa das familias. A AMPA do CPI Virxe da Cela esmerouse en publicitar esta actividade entre toda a comunidade educativa, utilizando non so circulares informativas ás familias, senón tamén facendo uso do “boca a boca”. Esta coidadosa organización fíxose visible na realización da actividade, sendo un grupo de nais as encargadas de recoller os alimentos, entregar tickets de compra e atender o mercadillo, facendo diversas quendas. Asimesmo contamos con diferentes obxectos de artesanía elaborados por varias nais/pais do alumnado de infantil e primaria, que lograron enorme éxito e vendéronse rápidamente, e máis que houbese… 
      Contamos coa visita de María José e Bea, técnico e voluntaria da Fundación Ayuda en Acción, que nos acompañaron durante parte do desenvolvemento da actividade, documentando o proceso e incluso puideron presenciar en vivo e en directo a gravación dun programa radiofónico centrado exclusivamente nesta “VI edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2014”. As nosas cociñeiras fixeron un kit-kat nos fogóns da cociña para darse unha volta polo evento e realizar, como non, as súas compras. 
      Queremos agradecer a moitas persoas o seu esforzo e apoio, facendo posible a realización e o éxito desta actividade: empezando pola dirección do centro, que amosa unha total disposición cara todas e cada unha das propostas de Monferosolidario; profesorado, alumnado e familias, que inverteron moitas horas do seu tempo para unha perfecta posta a punto e efectuaron numerosos “trocos” que sumaron nunha pila de caixas de alimentos e un total de 147’40 euros en donativos, e que serán moi ben recibidos pola Cociña Económica de Ferrol. Non nos esquecemos de todas as persoas que doaron obxectos, algunhas das cales non forman parte directa da comunidade educativa aínda que son fans número un de Monferosolidario (María José de Ares e Yolanda Ferrer). E que mellor que celebrar o éxito desta actividade e todo o traballo invertido cunhas ben merecidas vacacións…

















viernes, 11 de abril de 2014

PREPARATIVOS VI RASTRO SOLIDARIO

     Comeza a conta atrás. Nun par de días a nosa escola vai transformar o seu aspecto de “centro educativo” e converterase nun auténtico mercado da solidariedade. Caixas repletas de xoguetes, libros, guirnaldas, farolillos e outros obxectos decorativos campan nos corredores do CPI Virxe da Cela. Imos poñernos mans á obra e colocaremos cada cousa no seu lugar, ordenadas por categorías e por prezos, todo isto para levar a cabo o vindeiro venres 11 de abril a VI edición do Rastro Solidario e a Operación Quilo 2014. Contamos por tanto nestas vésperas da celebración con moitos voluntarias e voluntarios: profes, alumnos/as, nais e algún ben querido exalumno que aproveita a ocasión para facernos unha agradecida visita… Non nos esquecemos de elaborar carteis, preparar os sempre exitosos sobres-sorpresa, e nesta ocasión tamén uns “rudimentarios” bonos para canxear alimentos non perecedeiros e así facer cunha operación de troco as desexadas compras. E escola é un auténtico fervideiro e anticipa unha das grandes festas da nosa comunidade educativa, o xa tradicional Rastro Solidario, que marca á súa vez o inicio das vacacións de Semana Santa… Que apetitoso…










martes, 8 de abril de 2014

DÍA DA ÁRBORE E DÍA DA AUGA

A chegada da esperada primavera deixa atrás un duro e longo inverno, e que mellor que celebrar a Día da Árbore (21 de marzo) e o Día da Auga (22 de marzo) para conmemorar a visita desta musa da natureza, tan tímida este ano que esqueceu presentarse nas datas oficiais e xa entrado o mes de abril empeza a asomar nas nosas vidas. Precisamente agora (martes 8 de abril de 2014) contamos coa visita ao noso centro de Luís e Cristina, pertencentes ao Distrito Forestal de Ferrol, que viñeron recordar a todos os/as escolares do CPI Virxe da Cela a importancia da auga e das árbores nas nosas vidas, a través dunha múltiple presenza: na paisaxe, na fauna, na flora, nas actividades humanas, etc. Eles, os axentes forestais, son os encargados de custodiar a nosa riqueza e ensinarnos a preservala. Unha conciencia que temos que adquirir tanto na escola como nas propias casas, respectar a natureza é construír un mundo mellor para nós e os que nos precederán. Disto xa estivemos a traballar todo o ano a través dos Obxectivos do Milenio, concretamente o ODM nº 7, que fala da importancia de garantir a sostinibilidade do Medio Ambiente. Grazas, Luís e Cristina, foi unha xornada longa con moitas charlas continuadas, pero os froitos deixaranse ver no futuro. Grazas tamén a Ignacio (4º da ESO) por facer unha reportaxe fotográfica desta actividade. E grazas, Primavera, por acompañarnos neste tramo final de curso, deixando brillar un sol radiante despois de tanta cicloxénese explosiva…