viernes, 30 de marzo de 2012

RASTRO SOLIDARIO 2012

Despedimos as clases e marchamos de vacacións de Semana Santa facendo unha crónica desta xornada especial adicada á Fundación Vicente Ferrer. Un ano máis, e con este xa van catro, a nosa escola montou un Rastro Solidario coa intención de darlle un novo uso a moitos obxectos que temos na casa a través da súa venda, e destinar os cartos recadados a unha causa humanitaria. Neste ano 2012 realizaremos un segundo ingreso á Fundación Vicente Ferrer, que investirá esta axuda económica nun proxecto de construción dunha escola no distrito de Anantapur. O ano pasado enviamos 1000 euros, e hoxe rematamos esta xornada co seguinte reconto:

Venda de obxectos: 715 euros

Caixa de donativos: 85 euros

Total: 800 euros.

A este total de 800 euros temos que sumarlle 300 euros da venda de flores na campaña de San Valentín. Nos próximos días faremos por tanto o ingreso de 1100 euros na conta da Fundación Vicente Ferrer. Grazas a todos de novo pola vosa colaboración.

   
Alumnado de 4º de ESO, encargado da caixa no Rastro Solidario


Alumnado de EI e EP visitando o Rastro




Apertura do paquete recibido da escola da India



Alumnado da ESO recibe unha charla sobre a FVF



Alumnado de 4º da ESO imparte a charla sobre a FVF



martes, 27 de marzo de 2012

CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN PARA O RASTRO SOLIDARIO 2012



O luns 26 de marzo de 2012 o alumnado de 4º da ESO do CPI Virxe da Cela visitou as aulas de educación infantil, educación primaria e ESO do noso centro para impartir unha breve charla de sensibilización con motivo de concienciar ao alumnado da importancia da súa participación no Rastro Solidario 2012 que terá lugar o vindeiro venres 30 de marzo. Alba, Iván, María e Marta explicaron aos rapaces e rapazas que todos os cartos recadados a través da venta de obxectos no rastro empregaranse para unha segunda fase da construción dunha escola en Anantapur, A India, a través dun programa da Fundación Vicente Ferrer. A continuación incluímos o informe de localización do proxecto, no que ven especificado a situación da escola, os planos, o calendario de execución e outros datos de interese.

martes, 13 de marzo de 2012

EMPATÍA E SOLIDARIEDADE COAS PERSOAS DISCAPACITADAS





O pasado luns 12 de marzo de 2012 recibimos a visita de catro técnicos/monitores da Asociación Down A Coruña, que estiveron no noso centro impartindo diferentes charlas e obradoiros ao alumnado da ESO e PCPI, coa finalidade de romper moitos prexuízos e falsas crenzas acerca das persoas con Síndrome de Down, e con isto tratar de fomentar a súa integración na sociedade. Descubrimos que eles e elas non son tan diferentes de nós, tamén soñan con conseguir un traballo, independizarse, e por que non, atopar parella e formar unha familia. A través de diferentes dinámicas puxémonos no seu lugar, entendendo que difícil lles pode resultar realizar algunhas tarefas ben simples, como atar os cordóns dos zapatos ou pechar ou abrir unha cremalleira. Tamén entendimos como sofren a discriminación ou a marxinación cada vez que os tratamos como xente enferma, infantil, e non valoramos as súas capacidades. Visionamos varios videos nos que poidemos comprobar as ilusións e os soños dos rapaces e rapazas con Síndrome de Down que acoden á asociación Down en Coruña, descubrindo que poden acadar éxitos nos estudos, sacar unha carreira, preparar unhas oposición, e disfrutar do ocio e tempo libre bailando como calquer mozo/a.
Estas charlas e obradoiros forman parte dunha campaña de sensibilización que se está levando a cabo no noso centro educativo, xa que no presente curso académico está cursando os estudios na nosa escola un rapaz con síndrome de Down, e o mellor xeito de tratar na igualdade e romper moitos prexuizos e descubrir que todos somos diferentes, e que e diferenza non ten por que ser un motivo de exclusión, senón unha fonte de enriquecemento. Nesta mesma campaña o alumnado da ESO e PCPI visionou a película León e Olvido, e a como proceso final realizarán uns cuestinarios de reflexión.

miércoles, 7 de marzo de 2012

8 DE MARZO: DÍA DOS DEREITOS DAS MULLERES


A que soa o de muller traballadora?
Non pensades que é un adxectivo absurdo, cando se aplica á muller?
As mulleres son todas traballadoras e como sabemos cunha carga laboral que supera as veces amplamente á dos homes en moitos aspectos.
A única maneira de chegar a unha igualdade entre homes e mulleres, recollida en numerosas constitucións do mundo é, desde a educación , unha educación en valores, igualitaria e non sexista.
A educación na igualdade, a información veraz e a xustiza social permitirán que nos desenvolvamos como persoas libres; libres para sentir, pensar e actuar por nós mesmos, sen o sometemento duns sobre outros.
Non podemos deixar este 8 de marzo  sen mostrar o noso máis absoluto rexeitamento á violencia que causa tantas mortes de mulleres, pola súa condición de tales. Este “terrorismo afectivo” derivado dos conceptos patriarcales de posesión, podería combaterse cunha coeducación efectiva familia-escola encamiñada á consideración de todas as persoas por igual, sen distinción de sexos.
A educación na igualdade, a información veraz e a xustiza social permitirán que nos desenvolvamos como persoas libres; libres para sentir, pensar e actuar por nós mesmos, sen o sometemento duns sobre outros.

lunes, 5 de marzo de 2012

NUN SEGUNDO... CAMBIA A TÚA VIDA



Unha frase moi suxerente que pon a funcionar a nosa imaxinación, mais neste caso é o lema dunha campaña da Fundación MAPFRE coa colaboración da Xunta de Galicia, na que se pretende sensibilizar á mocidade sobre os tremendos perigos dunha condución imprudente. Desde a Coordinación de Actividades Complementarias e Extraescolares e o Departamento de Orientación do CPI Virxe da Cela ponse a disposición do profesorado o video da campaña para concienciar ao alumnado de ESO e de PCPI da obriga e responsabilidade na condución, e reflexionar das terribles consecuencias que poden truncar a vida nun breve instante, tan so un segundo. O documental "Un segundo" reflicte o volco na vida tanto de víctimas como de familiares de accidentes de tráfico.

Preme na imaxe para velo.